Tuesday 07 de May de 2024

O Concello licita as obras para reurbanizar a avenida da Sardiñeira, unha intervención que permitirá mellorar os accesos á estación intermodal


O Goberno de Inés Rey aprobou esta mañá, en Xunta de Goberno Local, un investimento de 4,4 millóns para intervencións nos Mallos, A Falperra e a contorna de Santa Margarida

Está previsto executar melloras de accesibilidade en 11 paradas de autobús da cidade, repartidas entre O Castrillón, Os Castros, Eirís, Monte Alto e Catro Camiños

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu conta esta mañá dos asuntos aprobados esta mañá en Xunta de Goberno Local. Rey explicou que hoxe licitáronse catro dos 17 proxectos para os que o Concello, a finais do pasado mes de abril, obtivo 9,1 millóns de euros en financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation.

Entre os catro proxectos a licitación destaca a reurbanización da avenida da Sardiñeira, que contará cun investimento de 1,8 millóns de euros e permitirá mellorar os accesos á estación intermodal. Está prevista a creación dunha glorieta que conectará A Sardiñeira coa avenida de Arteixo, así como a disposición dun novo treito de carril-bici, bidireccional. Esta última medida dá continuidade ao plan do Goberno de Inés Rey para promover a mobilidade sostible na cidade, habilitando infraestruturas desta tipoloxía en todos os barrios, tamén ao abeiro da expansión do servizo municipal de BiciCoruña.

Ademais, explicou a alcaldesa, tamén se acometerá a remodelación da rúa Europa, no circuíto interior do rueiro da Sardiñeira, con vistas a que pase a ser de sentido único.

Estes traballos, que unha vez adxudicados terán un prazo de execución de 14 meses, veñen a complementar os que xa se están a realizar para crear a propia estación intermodal, entre A Sardiñeira e Os Mallos.

Reurbanización das rúas Pla y Cancela, San Mateo e Padre Sarmiento

En paralelo, indicou Rey, o Goberno municipal autorizou tamén a saída a licitación doutros tres proxectos cofinanciados con fondos Next Generation.

En primeiro lugar, a reurbanización da rúa Pla y Cancela, na que se acometerán melloras nas condicións xerais da rúa, coa ampliación das beirarrúas e a creación de novas zonas verdes, co obxectivo de dar continuidade a intervencións xa executadas na contorna polo Goberno de Inés Rey, como é o caso do cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo. Para concretar os traballos en Pla y Cancela, no barrio da Falperra, o Concello ten previsto levar a cabo un investimento de 1,1 millóns de euros, para executar as obras nun prazo de seis meses.

Tamén nas inmediacións de Santa Margarida, concretamente nas rúas San Mateo e Padre Sarmiento, está previsto crear unha plataforma única para remodelar as zonas de acceso peonil e de tráfico rodado. Ampliaranse as zonas verdes existentes, apostando pola súa sintonía cos elementos medioambientais existentes no parque. Esta intervención conta cun orzamento de 833.000 euros.

Melloras de accesibilidade en paradas de autobús da cidade

Por outra banda, licitouse tamén o plan de mellora de accesibilidade nas paradas de autobús da cidade. Nesta nova fase, o Concello, avanzou a alcaldesa, acometerá a adaptación de 11 paradas, con vistas a facelas accesibles a todas as persoas usuarias, con especial atención ás que teñen mobilidade reducida.

A meirande parte das paradas que serán sometidas a remodelación están repartidas entre os barrios do Castrillón, Os Castros e Eirís, mais tamén está previsto actuar en Monte Alto e Catro Camiños. “Trátase dun traballo progresivo, que se irá estendendo a todos os barrios da Coruña co obxectivo de que todas as paradas de autobús da cidade atendan ás necesidades da cidadanía”, apuntou hoxe Inés Rey.

As obras para concretar a remodelación destas 11 paradas contan cun orzamento de 694.000 euros, e o prazo estimado para executalas, toda vez se adxudiquen os traballos, é de oito meses.

Das 17 intervencións con fondos Next 2, seis xa están licitadas

Desta forma, e coa saída a licitación destas catro actuacións, xa son seis as intervencións con fondos Next Generation 2 que pasan á fase de contratación. É dicir, un tercio dos 17 proxectos municipais que obtiveron luz verde para ser cofinanciados polo Estado na resolución de finais de abril.

Neste sentido, xa a finais de agosto, e tamén en Xunta de Goberno Local, o Goberno municipal autorizou a licitación das melloras de accesibilidade previstas entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, así como os traballos correspondentes á instalación das novas escaleiras mecánicas entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.